X
nome * enderezo electrónico * enderezo postal concello teléfono * mensaxe *
adxunto
código de seguridade *
imaxe de seguridade
cambiar código
* campos obrigatorios
martes, 17 de outubro de 2017

pesquisar

subscrición

recibirá vía e-mail toda a información de interese
sitios de interese

Anova - Irmandade Nacionalista

14 de xullo de 2012

Web provisoria da ANOVA - Irmandade Nacionalista, constituída o pasado sábado 14 de xullo en Compostela e recollendo logo de 223 anos os ideais de liberdade, fraternidade e igualdade da Revolución Francesa.

ir ao sítio...

SLG

A toxicidade en persoas e fauna das fumigacións aéreas da Xunta

ir ao sítio...

Liga Estudantil Galega

Liga Estudantil Galega

ir ao sítio...

Terceira Carta às Esquerdas

Interesante artigo de Boaventura de Sousa Santos

ir ao sítio...

Mocidade Irmandinha

Grupo de Traballo de Mocidade do EI

ir ao sítio...
ver máis sitios de interese...
PUNTO DE ENCONTRO

O Encontro Irmandiño, polo feito de prestar este espazo, non se fai partícipe dos contidos ou das teses dos traballos remitidos.


Estás no Punto de Encontro do Encontro Irmandiño.


Este espazo na rede é a extensión dunha nosa vontade de abrir portas e canles de comunicación entre as xentes preocupadas, ou que simplemente teñen algo que dicir nalgures, sobre a situacións socio-politica do País, do Mundo, sobre o que está a acontecer...

Envía as teus artigos a puntodeencontro@encontroimandinho.org


Posición e marco de referencia

25/11/2011

Raúl Asegurado Pérez  

Estamos nun momento, como país, de máxima importancia para a nosa propia supervivencia; o nacionalismo galego poucas veces tivo un momento nos últimos trinta anos de tanta convulsión interna que podemos diagnosticar en catro síntomas evidentes:

  1. Estamos imbuídos nunha espiral centrífuga producida por un aparato orgánico dirixente que non permite abrirse cara a sociedade galega, repartíndose cargos políticos segundo as circunstancias institucionais, fortalecendo e apoiando referentes orgánicos e non sociais nos diferentes períodos electorais. Naufragando na pretensión de acumular forzas internas alén da propia organización, controlando movementos sociais e sindicais que levou a grandes enfrontamentos na última década e provocando mesmo escisións de todo tipo polo país. Deixando totalmente esquecido que o verdadeiro motor dunha organización política de esquerdas, e máis se esta é concibida como unha fronte de unidade nacional, debe ser a cidadanía máis dinámica que pretende impor unha nova hexemonía en toda a sociedade. A defensa da natureza dos seus recursos e dos seus límites, dos dereitos civís e sociais, dos dereitos da muller, da organización da participación cívica, das propostas económicas desde un paradigma socialista, do posicionamento ante situacións internacionais provocadas pola lóxica da dominación, da defensa de valores republicáns…, en definitiva, a construción do socialismo ecofeminista estase a dar hoxe en moita maior medida nos límites externos do BNG, límites externos que deben proseguir, no respecto da autonomía entre os movementos sociais e as organizacións políticas, mais que coido, non delimitados por uns grosos muros de separación, de indiferenza e incluso desprezo polo aparato orgánico dirixente. Senón que deben ter unha relación continua e de mutua impregnación, pois até hai unha década, estas organizacións autónomas estaban constituídas fundamentalmente pola masa social, pola militancia, do BNG e xente moi próxima, a día de hoxe xa non é así, e se ben moitos e moitas militantes do BNG seguen a traballar nestas organizacións é imposíbel atopar un mínimo de cercanía, de puntos de encontro para escoitar e debater na organización política. Facendo que este traballo sexa máis duro se cabe e distanciando á base da militancia coa súa propia organización política.

  1. A esquerda nacional galega cada vez máis autónoma e con grados de politización maior que se distancia a cada momento máis e máis da fronte nacionalista concibida para ser o seu referente político, e evidenciando síntomas de orfandade política cada vez máis innegábeis. Os centros sociais do país, as organizacións culturais, as cooperativas de consumo, as experiencias de finanzas éticas, as radios comarcais autónomas, as organizacións pacifistas e humanitarias, os foros sociais, as accións en defensa dos dereitos doutros pobos,e un longo etcétera, están sendo artellados desde a esquerda social e nacional galega, sen ningún medo e con valentía ante quen unha e outra vez os tenta deslexitimar con todo tipo de adxectivos. A esquerda social nacional galega é o mellor que ten o nacionalismo galego no seu conxunto porque é o elemento referencial do noso país e da nosa posibilidade de existencia como tal; a esquerda social nacional galega é o suxeito deste país, o suxeito hexemónico que pode facer que deixemos de sermos unha clase subalterna; o BNG en canto a súa acción electoral debe ser única e exclusivamente un elemento instrumental para acadar esta hexemonía. Unha e outra vez fica demostrado na última década en cada proceso electoral; se a construción hexemónica do nacionalismo galego para o proceso de emancipación social, política e económica deste país se basea no aparato político estamos só condenados a loitar unha e outra vez para subsistir; se pola contrario, os procesos electorais e a acción institucional valesen para impulsar o traballo e afortalecer os esforzos dxs que día a día loitan mollándose os pés e ensuciándose as mans en todas as esferas da sociedade, entón o BNG sería novamente un elemento útil para o país e para conquistar a capacidade total do potencial ao que estamos chamados, que non é outro que conquistar unha pequena aresta europea que chamamos Galiza que proxecte ao mundo unha forma de ser propia socialista e ecofeminista, que erga uns valores republicáns finiquitados nas institucións internacionais.


  1. Instaurados nun réxime de dominación capitalista, onde a política é só unha ferramenta dos intereses privados das novas oligarquías, o traballo institucional cobra un dobre valor discursivo. Non seren disonantes, xenuínos, atípicos nas institucións estanos facendo ser cada vez máis uns peleles, eis este o motivo do desarraigo xeracional que estamos vivir na sociedade respecto da política. Ou facemos que a política sexa algo referencial evidenciando que vale para opoñerse a esta lóxica, ou desaparecemos, como paulatinamente estamos a desaparecer en cada proceso electoral e na valoración deslexitimadora de todos os informes sociolóxicos por parte da cidadanía.


  1. A toma de posturas na nosa organización en vez de ser exemplificante da diversidade e mesmo da construción dun ideal común nas contradicións innatas a toda vida intelixente, están a converterse nun absurdo, tal vez dado pola diverxencia das posicións tomadas e polo diferente marco de referencia tomado. A posición de partida e a dirección que se toma están intimamente vencelladas ao marco referencial ao que se pretende respostar e é tempo de dilucidar se esta dirección é inequivocamente diverxente ou aínda hai espazo para un proceso de converxencia. Para isto debe valer o proceso asemblear que temos. Non para facer concesións que arrastren desconfianzas e forzar unha toma de postura forzada e incómoda para as partes. Tal vez, o mellor que poidamos facer para a cohesión do proceso emancipador sexa pasar por varias etapas de distanzamento, sabendo que uns e outros non somos inimigos senón diferentes e que esa diferencia a día de hoxe non pode coexistir nunha mesma organización mais si en apoios puntuais nas institucións, en festas comúns e en debates de profundización diagnóstica e propositiva. Para que vale estar enleados en debates internos infrutíferos namentres a cidadanía se distancia máis e máis da virtude política?


Estes catro síntomas diagnostican un momento histórico clave, en termos de feblezas e potencialidades do desafío político; a imposición de crenzas, percepcións, explicacións e valores do exercer hexemónico capitalista lévamos a construír un discurso combativo moitas veces con pouca claridade e con evidentes contradicións, mais na Galiza, o proxecto común valeu para que emerxeran varias lecturas e interpretacións das interpelacións que emanan do paradigma capitalista a todos os niveis, institucional, social, económico, cultural, etc…, mais se a diagnose de que o BNG está cada vez máis pechado en si mesmo, as lecturas esclarecedoras poden ser dúas: por unha banda as que afianzan esta estratexia, como fixeran as congregacións contemplativas no baixo medievo, como única forma de vivir no que se acredita; e por tanto emerxe a outra que conleva que por vocación, outra sensibilidade precisa para esa vivencia no que se acredita estar impregnadas de todo o que se move na sociedade, coas súas imperfeccións e impurezas, asumindo uns riscos que a primeira non quere correr, entón o proxecto común converteuse na casa paternal e muitos e muitas fillas precisan emanciparse, para tal vez, máis adiante, cando a relación pase de ser paterno-filial a ser unicamente fraternal atoparse, de novo, en procesos e en circunstancias diferentes.

Son dúas respostas que ao longo da historia e en diversos eidos se deron, non sempre excluíntes pero moitas veces distantes. A resposta a todo o que se nos esixe pode non ser só unha destas dúas e si unha multiplicidade de cores cromáticas, mais hoxe faise imposíbel as dúas se todo segue igual no BNG. Ou este proceso asemblear racha de cheo todas as dinámicas centrífugas nas que levamos imbuídos unha década, ou a forza centrípeta dos que acreditamos que o marco de referencia é outro e que o centro de expansión discursiva é a base social da esquerda nacional galega e non o aparato, deberemos con humildade e valentía dar resposta ao que fondamente acreditamos e levaranos a noutro espazo de posición inicial.

voltar arriba

comentarios:


nome:
enderezo electrónico:
comentario:


Envía o teu comentario

Podes enviarnos o teu comentario ao respecto desta información. Evita o uso de ...

xabier

30/11/2011 Estou bastante dacrdo contigo, mais ue coido que xa é hora de que os fillos se marchen da casa, e que se reunan cos parentes nas festas e non a comer e durmi tódolos días

anónimo

28/11/2011 verdades como puños?? non se decata ninguén porque non é verdade e porque para o galego normal, non politizado, todo isto é música celestial. Está moi ben todo isto para disfrutar entre vos pero para Galicia isto non vale de nada, que aporta isto para os parados? para a situación escolar dos nenos? para as cousas que lle preocupan aos cidadans¿? e o digo convencido de que así non imos a ningures, porq mira, a upg que ninguén que sexa do bng sabe o que é, pode facer o que lle da a gana porq ten tempo, o outro día escoitaba a filipe diez dicir que non lles importa dar un ou tres pasos atrás porque logo terá tempo de volver a dalos para diante, como sempre fixo, r r r r roda de muiño que roda pero non se move, iso é todo isto!

Parra

27/11/2011 Nos ambitos externos ó aparato do BNG todo esto vese como verdades como puños, non entendo como non se decatan. Estou convencido de que o Bloque volverá crecer en canto se desprenda do aparato da UPG e volva abrirse á cidadanía sen retórica decimonónica senon coa linguaxe da rúa, das bases e dos feitos que nos ameazan (desprezo á vontade soberana do pobo, tiranía dos mercados, recortes economicos e sociais inxustificables, repuntamento do nacionalismo español, corrupción, etc. etc.). O mal foi tan grande nestes 10 anos que a refundación levaríaa ate o punto dunha mudanza de imaxe e de nome (non sei se esta posibilidade está contemplada). Teresa Táboas podería se-la cabeza visible de consenso desta nova etapa en común, se é que non hai ruptura. Saúde.

Toni Marquez

27/11/2011 Moi bo artigo, salvo que penso eres en exceso optimista na vida fora do bng..., o tema é que dentro non é moi levable (a vida) tampouco... mais o que si penso é que esta asemblea xa está amañada polos carlistas e os upequistas, e vos ficaredes novamente como unha forza residual porque sodes máis escoitados fora do bng q dentro, dentro apostará o aparato polo bipartidismo novamente, e os militantes de base entrarán ao xogo por non estar formados...

Xanc

27/11/2011 Se no proceso asamblear de xaneiro a militancia non segue estas teses e vota maioritariamente, coma até agora, a APU e +GZ..., que faredes? Cheagaríades a puntos de encontro coas outras correntes ou simplesmente racharíades? Respetaríades a democracia interna? Credes que a maior organización sindical desta Nación, CIG-maioritariamente vinculada á UPG-, está de costas á sociedade? Merece a pena que SLG, CIG, BNG, EI, Adega... teñan camiños dispares? O mellor de todo é que en xaneiro todos, de xeito libre e individualmente, sigamos xuntos. Buscade todas as alternativas posíbeas, que as hai. Se non o conseguides, nins uns nin outros estaredes á altura do que a sociedade nacionalista de esquerdas vos pide.

Lucía Flora López

27/11/2011 Excelente artigo. Diagnostica moi ben o problema, agardemos que teña reflexión posterior (se é que hai capacidade de autocrítica ;) Os meus máis sentidos PARABÉNS!!!

Hector

26/11/2011 Sen dubida dacordo.

miguel

25/11/2011 Non hai movemento social galego que non nacera a UPG, nin no ecoloxismo, nin feminismo, nin cultural... é unha mágoa que cando non tendes a cabeceria da fronte comecedes a dinamitar todo! O BNG é a forza que precisa este país e non dividilo máis aínda!

Paula

25/11/2011 Clarísimo.

Fran X Gomez

25/11/2011 ...e a bos entendedores , ... grazas, Raul, parabens!

Manuel

25/11/2011 Moi ben

Antom Fente Parada

25/11/2011 Excelente artigo irmão, os meus mais sentidos parabéns.

©  Encontro Irmandiño, 2011
Apartado de Correos 356  |  15010 A Coruña
aviso legal