X
nome * enderezo electrónico * enderezo postal concello teléfono * mensaxe *
adxunto
código de seguridade *
imaxe de seguridade
cambiar código
* campos obrigatorios
mércores, 28 de xuño de 2017

pesquisar

subscrición

recibirá vía e-mail toda a información de interese
sitios de interese

Anova - Irmandade Nacionalista

14 de xullo de 2012

Web provisoria da ANOVA - Irmandade Nacionalista, constituída o pasado sábado 14 de xullo en Compostela e recollendo logo de 223 anos os ideais de liberdade, fraternidade e igualdade da Revolución Francesa.

ir ao sítio...

SLG

A toxicidade en persoas e fauna das fumigacións aéreas da Xunta

ir ao sítio...

Liga Estudantil Galega

Liga Estudantil Galega

ir ao sítio...

Terceira Carta às Esquerdas

Interesante artigo de Boaventura de Sousa Santos

ir ao sítio...

Mocidade Irmandinha

Grupo de Traballo de Mocidade do EI

ir ao sítio...
ver máis sitios de interese...
NOVAS do Mundo

Tirado de Sin Permiso

“Vostedes aplican a Grecia Versalles, pero os gregos precisan Marshall.”

Gregor Gysi é o portavoz do grupo parlamentar da Esquerda (Die Linke) no Parlamento federal alemán

09/03/2012

Gregor Gysi  

Intervención de Gregor Gysi, portavoz do grupo parlamentar da Esquerda (DIE LINKE), o pasado 27 de febreiro no Parlamento alemán no debate parlamentar sobre a aprobación do último rescate de Greza.



Señor Presidente, damas e cabaleiros:



Señora chanceler, na primeira frase do seu discurso vostede dixo que nos atopamos ante unha crise de débeda. Esa non é a verdade. A verdade é que a débeda estatal aumentou despois de que a actuación dos bancos e os especuladores provocasen unha crise financeira. Vostede tería que dicir iso. Ademais, fainos crer que os estados son os culpables. Non, fórono ante todo os bancos e os especuladores, a cuxa actuación os estados reaccionaron, sen embargo, de maneira completamente inadecuada.

(Aplauso desde a bancada da Esquerda)

O primeiro rescate que se aprobou custou 110 mil millóns de euros. Iso foi en maio de 2010. Hoxe teríamos que dicir: o primeiro rescate fracasou. O obxectivo entón era que Greza fose capaz de sosterse sobre o seu propio pé até 2014. Hoxe xa non se fala diso. Só quería mencionar isto.

Agora teremos de votar un segundo rescate. “Rescate” é un termo falso, pero non entraremos aquí niso. Trátase de 165 mil millóns de euros. 165 mil millóns de euros aos que hai que engadir 24'4 mil millóns de euros do primeiro rescate que aínda non se utilizaron, e aínda habería que sumar 35 mil millóns de euros para compensar as perdas dos bancos. Todo o cal o pagarán os contribuíntes alemáns. Cal é o obxectivo agora? A débeda debería reducirse até o ano 2020 do 164% actual ao 120%. Un obxectivo completamente irreal.

(Aplauso desde a bancada da Esquerda)

A troika... por certo, señor [Rainer] Brüderle (FDP), vostede pronuncia correctamente a palabra “troika”, mentres que a maioría de deputados conservadores pronúnciana incorrectamente. Non se di tro-i-ka, porque a palabra vén do ruso. Pregúntenllo á chanceler, que me dará a razón.

(Aplauso desde a bancada da Esquerda)

Á parte diso, a propia troika non cre que o estado grego sexa capaz de reducir a súa débeda, como soubemos por un documento interno.

O rescate non foi ningún agasallo para os cidadáns gregos, só para os bancos, os investidores e os fondos de investimento libre. Son eles quen reciben o diñeiro e ninguén máis.

Ademais, o Banco Central Europeo e os bancos centrais compraron bonos gregos por valor de 70 mil millóns de euros aos bancos privados. Isto non son - síntoo moito, señora chanceler - máis que eurobonos. Debido a que estes títulos non pertencen nin ao Bundesbank nin ao Banco Central Europeo, só responden deles os contribuíntes da zona euro, e de maneira especial os contribuíntes alemáns.

Nunha ocasión calculei a cifra, señora chanceler: se o tomásemos todo, é dicir, ambos os rescates e os eurobonos, entón teriamos un paquete de axuda por valor de 345 mil millóns de euros. Os alemáns contribúen con 100 mil millóns de euros. Se polo menos puidésemos dicir que con iso estamos a axudar a Greza, entón todo isto tería sentido. Pero non estamos a axudar a Greza nin cun euro. Con ese diñeiro estamos a enturbar máis as cousas. Isto vale tanto para Greza como para Alemaña.

(Aplauso desde a bancada da Esquerda)

Xa o dixen e insisto niso: os 165 mil millóns de euros entregáronse para satisfacer as ameazadoras perdas dos bancos privados e fondos de investimento libre. As perdas foron socializadas e os contribuíntes tiveron que pagar por iso.

(Sigmar Gabriel (SPD): Coma se vostede non estivese tamén pola socialización!)

Ademais conviría engadir algo que aquí nin sequera se mencionou: no pasado nadal o Banco Central Europeo concedeu aos grandes bancos privados europeos un préstamo por valor de 500 mil millóns de euros co tipo de interese de ilusión do 1%, e iso por tres anos. Agora os grandes bancos privados recibiron unha vez máis 500 mil millóns de euros, de novo a un interese do 1% e para tres anos. Isto é realmente aventurado: 1 billón de euros só para manter a liquidez dos bancos! Ninguén se pregunta de onde vén o diñeiro. Pero imprímese. Señora chanceler, díganolo dunha vez por todas claramente: onde nos quere conducir verdadeiramente?

(Aplauso desde a bancada da Esquerda)

A impudicia de todo este asunto radica en que os bancos nadan na abundancia. Cando compran bonos, por exemplo, de Irlanda, Portugal ou España, reciben un interese de polo menos o 3 ou o 4%. Pero eles só teñen que pagar un interese do 1%. Pero que ocorre cos cidadáns? Se tomásemos a súa liña de crédito, entón teriamos que pagar uns intereses do 13 ou o 18%. Pero os bancos pagan ao 1%. Isto é unha vergoña e hai que dicilo alto e claro.

(Aplauso desde a bancada da Esquerda)

Tamén se trata dun gravoso ataque ao dereito de propiedade. Agora vostedes seguramente se sorprenderán de que apele ao dereito de propiedade. Pero iso é xustamente o que estou a facer. E vou aclararllo: normalmente cada propietario responde da súa propiedade. Iso significa que pode obter dela un beneficio, pero que, cando hai perdas ou se endebeda, tamén é responsable de. Isto vale para todos os cidadáns tanto como para todas as empresas privadas. Pregúntenlle a un panadeiro que ten débedas se pode dirixirse ao goberno para que lle conceda un crédito a un interese tan reducido como un 1 por cento, para que poida devolvelo todo.

(Jürgen Trittin (BÜNDNIS 90/DIE GRÜNEN): Se non que llo pregunten á Bäckerei Müller de Bayern!) [Backerei Müller crebou recentemente e 1.100 postos de traballo están en perigo; N.T.]

Que llo pregunten ao propietario dunha parcela, se ten unha oportunidade así. Os únicos que non incorren en absoluto en ningún risco son os bancos, pois reciben sempre as ganancias e os beneficios, pero nunca se responsabilizan das débedas, coas que sempre han de cargar os contribuíntes. Iso prexudica gravemente ao dereito de propiedade.

(Aplauso desde a bancada da Esquerda)

Debo lembralo: puxemos a disposición dos bancos nun paquete de medidas de rescate 480 mil millóns de euros. Ninguén fala diso xa, pero pasaron tres anos. Agora resucítase o rescate, vólvese a pagar diñeiro.

Xa mencionei a cifra de 1 billón de euros, do que ocorreu no pasado nadal, do que se garantiu aos bancos en febreiro. Debe reflexionarse sobre que cantidades de diñeiro están a fluír aos bancos. Quen pagan por todo iso son os contribuíntes. Trátase dunha vergoña que por certo destrúe todo o noso sistema económico. Non necesitamos ningún banco que poida permitirse tomar calquera tipo de risco só porque os contribuíntes han de cargar coas débedas e non eles.

(Aplauso desde a bancada da Esquerda)

Por iso a nosa reivindicación está plenamente xustificada: se os contribuíntes han de responsabilizarse pola débeda dos bancos, entón os bancos han de pasar a ser propiedade pública. O que queremos é que os contribuíntes tamén participen das ganancias e beneficios da banca, non só das débedas. Isto ten que cambiar.

(Aplauso desde a bancada da Esquerda)

Ademais, os grandes bancos privados son demasiado grandes. Teñen que facerse máis pequenos. Só lles mencionarei unha razón: Frau Kohl, que informa as tardes en televisión sobre a bolsa, díxome en [o programa de televisión de] Jauch: se vostede fose chanceler federal - admítoo, unha idea moi improbable -, dicía, Frau Kohl dixo...

(Dr. Gesine Lötzsch (DIE LINKE): Boa idea! Dr. Frank-Walter Steinmeier (SPD): Que Deis nos protexa!)

tamén debería salvar ao Deutsche Bank da bancarrota.

(Jürgen Trittin (BÜNDNIS 90/DIE GRÜNEN): A muller ten razón! Iso debería recoñecerllo!)

Entón dixen eu: entón dáse conta de que o banco é demasiado poderoso? Como se non son capaces de chantaxearnos? Debemos diminuír o tamaño dos bancos. Tamén un banco ten que ser capaz de entrar en bancarrota. Teriamos que ser capaces de salvar os aforros dos cidadáns incondicionalmente, pero non temos por que salvar aos bancos. Por iso dígolles: reducir, regular sen condicións e nacionalizar, como ocorre coas caixas de aforro (Sparkassen). Pero non como cos bancos rexionais (Landesbanken), porque estarían baixo as instrucións directas do ministro de Finanzas. Iso non o queremos. Unha banca pública debería existir baixo a forma de caixas de aforros. Con elas non temos a máis mínima das dificultades na crise. Son racionais e completamente públicas.

(Aplauso desde a bancada da Esquerda)

Agora referireime de novo ao paquete de medidas para Greza. O que vostedes propoñen a este respecto é algo tan antisocial que me xera algo máis que sorpresa. Como pode vostede señor Brüderle falar a este respecto de Estado do benestar. Non demostra máis que unha arrogancia perigosa.

(Aplauso desde a bancada da Esquerda e algúns deputados do SPD)

Que estamos a facer? Dicimos: o salario mínimo en Greza debe ser recortado e pasar de 751 a 586 euros. Iso é para vostede un Estado do benestar? Os salarios recortaranse un 22 por cento. 15.000 funcionarios serán despedidos este ano e 150.000 máis até o 2014. As pensións recortaranse nos próximos tres anos uns 14 mil millóns de euros. E vostede vén aquí a falarnos do Estado do benestar?

(Indignación desde a bancada da Esquerda)

As consecuencias da actual política, do recorte de salarios, pensións e prestacións sociais así como as privatizacións son que desde fai tres anos hai unha crise económica en Greza. Os investimentos viñéronse abaixo nun 50%. O desemprego incrementouse nun 9% e alcanza xa o 21%. O desemprego xuvenil aumentou até chegar ao 50%. O estado ingresa menos diñeiro procedente dos impostos, o crecemento é negativo. E vostede, señora chanceler, fala de progresos. De que progresos en Greza fala vostede? Non houbo nin un só progreso.

(Aplauso desde a bancada da Esquerda)

A débeda incrementouse até o 50 mil millóns de euros. Xa non temos unha taxa de débeda do 130% de economía, senón o 170%. Cando contemplamos como esta política de recortes devastadora e rigorosa non conduce a que salvemos a Greza senón a todo o contrario, a que conducimos cada vez máis a Greza cara a unha catástrofe, entón un non debería senón corrixirse.

(Aplauso desde a bancada da Esquerda)

Ninguén mellor que nós debería sabelo. As pòtencias vencedoras da Primeira Guerra Mundial asinaron un tratado que humillou a Alemaña por completo. Esta non foi a única, pero foi unha das razóns polas que o criminal de Hitler e o Partido Nacionalsocialista puideron medrar tanto. Os vencedores da Segunda Guerra Mundial - en Europa occidental - foron moito máis intelixentes e acordaron reparacións de guerra menores e a aprobación do Plan Marshall para a reconstrución de Europa. Vostedes aplican a Greza Versalles. Pero os gregos necesitan Marshall. Esa é a diferenza. E iso é o que non está a ter lugar aquí.

(Aplauso desde a bancada da Esquerda)

Pomos en perigo a solidariedade no seo dunha sociedade e entre as nosas sociedades. O que é destrutivo para Greza e para a Unión Europea. Pomos en perigo tamén a democracia. Cando dous homes que tiveron funcións en bancos se converten nos xefes de estado de Greza e de Italia sen eleccións, incorremos nun risco; non me estenderei niso. O señor Schäuble recomenda aos gregos que pospoñan as eleccións porque non lles convén. Eu pregúntome: en que país vivimos realmente?

(Aplauso desde a bancada da Esquerda)

E o ministro de Interior Friedrich quere expulsar a Greza do euro.

Presidente da cámara Dr. Norbert Lammert:

Estimado colega Gysi, o colega Beck solicitou unha pregunta, aceptaríaa?

Dr. Gregor Gysi (DIE LINKE):

Si.

Volker Beck (Colonia) (BÜNDNIS 90/Os VERDES):

Quixese preguntarlle que quere dicirnos vostede exactamente coa mención da Paz de Versalles. Menciónao vostede no sentido da consigna “Acabemos coa vergoñosa paz de Versalles!” (Weg mit dem Versailler Schandfrieden) como se reclamaba na República de Weimar? [A consigna era da extrema dereita, N.T.]

(Respostas da Esquerda: Oh!)

Estou realmente un pouco arrepiado.

(Aplausos de BÜNDNIS 90/Os VERDES, FDP e deputados do CDU/CSU)

Non pode utilizarse este tipo de discurso sen ter en conta a súa vinculación coa historia. Que foi entón 1870-71 [a fundación do Imperio, N.T.], a historia anterior a esa data, que ocorreu co contexto histórico? Como xulga vostede os argumentos sobre a nosa responsabilidade con respecto á Primeira Guerra Mundial?

(Aplausos de BÜNDNIS 90/Os VERDES ? Daniel Bahr (Münster) (FDP): Incrible!)

Dr. Gregor Gysi (DIE LINKE):

Respondereille, aínda que agora mesmo non estou a presentar ningún relatorio sobre historia: iso levaríanos demasiado lonxe. En Versalles reuníronse as potencias vencedoras da Primeira Guerra Mundial. Iso era correcto, o mesmo que asinasen o tratado coas reparacións de guerra. Pero foron demasiado lonxe. Non estiveron satisfeitas só con gañar a guerra. E con iso humillaron a Alemaña económica, social e politicamente ao momento que Hitler e o seu partido criminal puideron utilizar estas condicións no seu proveito. Isto é do que eu lles acuso. As potencias occidentais foron moito máis intelixentes tras a Segunda Guerra Mundial.

(Thomas Oppermann (SPD): E iso que ten que ver con Greza?)



O que quero dicir: é que nós non teriamos que volver repetilo, teriamos que facelo doutra de maneira. Iso é o crucial. Se vostedes non se dan conta, síntoo moito.

(Aplausos da bancada da Esquerda- Thomas Oppermann (SPD): Incrible! - Jürgen Trittin (BÜNDNIS 90/DIE GRÜNEN): Tería que avergoñarse! Vaia maneira de relativizar!)

Agora non poderei falar sobre o pacto de austeridade [asinado o 2 de marzo, N.T.]. Só direi brevemente que o acordo fiscal é unha catástrofe: introduciron vostedes a regra de ouro en toda Europa, pola que practicamente é imposible facer política.

(Norbert Barthle (CDU/CSU): Todo o contrario!)

Coa regra de ouro a situación de Europa é cada vez menos democrática. Tanto dá que goberno se atope no poder: xa non poderá actuar con responsabilidade. Levaron polo camiño equivocado a toda Europa que antes andivo Alemaña coa Axenda 2010 e a regra de ouro e da que a nosa xente non se recuperou.

(Aplausos desde a bancada da Esquerda)

Debemos actuar máis intelixentemente con respecto a Europa.

Remato, pois o meu tempo de discurso está a chegar ao seu fin. Señor Presidente do Bundestag, podo dicirlle a Vostede o seguinte: escoitei o valente discurso de oposición do señor [Peer] Steinbrück (SPD), agora a señora [Renate] Künast presentará un valente discurso de oposición e logo irán e votarán a proposta do goberno. [Como terminou ocorrendo, N.T.] Sempre fan o mesmo.

(Alboroto na cámara. Thomas Oppermann (SPD): Por fin remata o seu discurso, agora podemos aledarnos!)

O mesmo dá se se trata da Guerra de Afganistán, a Axenda 2010 ou o paquete de rescate a Greza: o CDU, o SPD, o FDP e Os Verdes sempre acaban atopando consenso. Pero por sorte existe aínda A Esquerda e, con ela, unha forza que ten a coraxe de dicir: NON!

Moitas grazas.

(Alboroto na cámara. Ovación dos deputados da Esquerda. Thomas Oppermann (SPD): Menos mal que rematou o discurso!)

voltar arriba

©  Encontro Irmandiño, 2011
Apartado de Correos 356  |  15010 A Coruña
aviso legal