X
nome * enderezo electrónico * enderezo postal concello teléfono * mensaxe *
adxunto
código de seguridade *
imaxe de seguridade
cambiar código
* campos obrigatorios
sábado, 21 de outubro de 2017

pesquisar

subscrición

recibirá vía e-mail toda a información de interese
sitios de interese

Anova - Irmandade Nacionalista

14 de xullo de 2012

Web provisoria da ANOVA - Irmandade Nacionalista, constituída o pasado sábado 14 de xullo en Compostela e recollendo logo de 223 anos os ideais de liberdade, fraternidade e igualdade da Revolución Francesa.

ir ao sítio...

SLG

A toxicidade en persoas e fauna das fumigacións aéreas da Xunta

ir ao sítio...

Liga Estudantil Galega

Liga Estudantil Galega

ir ao sítio...

Terceira Carta às Esquerdas

Interesante artigo de Boaventura de Sousa Santos

ir ao sítio...

Mocidade Irmandinha

Grupo de Traballo de Mocidade do EI

ir ao sítio...
ver máis sitios de interese...
DO ENCONTRO Xosé Manuel Beiras

no Galicia Hoxe

Brañas e "a crise que non cesa" (II)

17/04/2011

 

II

A "crise económica da época presente" que Brañas analisa e tenta diagnosticar no seu extenso discurso académico de 1892 non é outra que a famosa "crise finisecular" do XIX, que se desencadea a partir do 1873, vaise prolongar durante decenios, e atravesar inclusive os "felices" anos da belle époque, deica acadar o seu primeiro desenlace en forma de conflito bélico mundial, a Gran Guerra de 1914-18 -e digo primeiro desenlace porque, en rigor, o subseguinte período de entre-guerras vai constituir unha prolongación dese proceso de crise sistémica, que desembocará na Grande Depresión e só concluirá co estoupido da IIª Guerra Mundial: nada menos que meio século longo de duración, portanto. Esa crise marca e abrangue o declive da Gran Bretaña como epicentro do sistema-mundo de entón, ou sexa, do conxunto do sistema capitalista ao nível de mundialización acadado naquela altura. Trátase, xa que logo, dunha crise de hexemonía: o solpor e empardecer da Gran Bretaña como potencia hexemónica do sistema económico mundial.

Curiosamente, dáse o casual de que arestora, esactamente un século despois, estamos a transitar por outra grande crise sistémica, e crise de hexemonía tamén. E dixen que esactamente un século despois porque podemos situar nos arredores de 1973 o ponto de partida do proceso crítico que, con sucesivas fases e altibaixos, atravesa o sistema e que os do común andamos a aturar dende aquela até hoxe mesmo -e inda non rematou nen leva trazas de rematar. Vexámolo un algo, se queredes.

III

Baixo a fasquía proteiforme da crise actual, por tras do "fetichismo" do capital-diñeiro como mercaduría obxeto de desaforada e vertixinosa especulación nos mercados financeiros finalmente infartados, agóchase unha profunda crise estrutural do sistema capitalista no seu estadio presente, o actual sistema imperialista plenamente mundializado ou "globalizado". Como toda crise sistémica profunda, atinxe combinadamente a varias estruturas basilares do sistema, sacode as suas trabes mestras -e dende aí repercute en todo o edificio e fai lañarse a sua fachada, que é o que millor se ve. Mais, mesmo por iso, de nada val recebar as lañas da fachada para manter en pé o edificio se o exame das trabes mestras mostra que están comestas pola couza -e así resulta ser.

Como xeito alegórico de expresar nunha síntese a índole medular e as primordiais dimensións desta crise, eu ousei unha versión paródica do enigma trinitario: a crise, unha e trina. Non foi un achádego de meu. Inspiroumo un lúcido diagnóstico moi escueto enunciado por Susan George: "O diñeiro, o clima e a desigualdade. Estas son as tres crises que eu considero. Porque as outras son parte ou corolarios déstas. A crise alimentaria forma parte da crise de desigualdade e da pobreza, pero tamén está moi relacionada coa crise financeira. A crise enerxética existe tamén, claro, pero forma parte da crise ecolóxica e climática. Todas as demáis encaixan néstas". Velaí, logo, as claves da crise sistémica, unha e trina: tres manifestacións fenoménicas distintas, ínsitas nunha soa crise sistémica verdadeira.

Dito noutras verbas e ao meu xeito, veleiqui os tres elementos e dimensións cardinais desa trinidade. Primeiro, o conflito entre o capital-diñeiro e o capital produtivo no proceso de reprodución e acumulación do sistema. Segundo, o desenvolvemento desigual consustancial coa dinámica xenuina do capitalismo. Terceiro, a colisión da lóxica de asignación de recursos do sistema capitalista mundializado cos límites de resistencia dos ecosistemas que estruturan a biosfera do noso planeta.

No primeiro deses tres eidos problemáticos, a sobreprodución e sobreacumulación combinadas, que están na orixe desta crise, coa conseguinte caída da tasa de ganancia, provoca a fuxida dos capitais da esfera da produción cara a da circulación: é o fenómeno que se deu en denominar "finanzarización". Logo, a subseguinte hexemonía da forma diñeiro do capital -a que circula nos mercados financeiros sen virtualmente control regulador ningún- sobor da forma produtiva -para entendérmonos, o capital industrial- dá lugar a unha disxunción crecente que desemboca nunha constante diverxencia, e até unha disociación, antre a economía real e a financeira: de aí o fenómeno bautismado por Robert Brenner como "burbulla financeira", que acaba por estoupar como as pompas de xabrón. Porque, na dinámica capitalista, o máis-valor do que se nutre a acumulación do capital, xérase nos procesos produtivos da economía real -onde opera como capital produtivo- inda que se realiza, transformado en beneficio, nos procesos de circulación que acontecen nos mercados, onde o capital flúe en forma de diñeiro. Compréndese ben que a realización de beneficios en operacións financeiras especulativas, sen correlación axeitada coa xeración de máis-valor nos procesos produtivos, acabe por rebentar como unha burbulla. Cando ese fenómeno se xeneraliza en mercados financeiros dun sistema globalizado e acada o paroxismo, o rebentón da borbolla esborrállase como pedra de saraiba sobre os eidos da economía produtiva -e conxélaos.

No segundo eido, o desenvolvemento desigual, nun sistema imperialista e globalizado, e por riba rexido por un modelo ultra-liberal que destrúe todos e cada un dos resortes compensadores de redistribución de ingresos e riqueza, dotación de bens públicos e sociais, e asi seguido, enxendra unha deriva paroxística de desigualdade, pobreza, marxinación, fame, insalubridade -primordialmente na periféria, mais tamén dentro das formacións sociais do centro do sistema. Mais, se social e humanamente resulta perverso, o proceso incide perversamente tamén no funcionamento macroeconómico do proprio sistema: a demanda global de bens de consumo e medios de produción resultará a cada pouco máis insuficiente para adequirir a oferta global dos mesmos, co conseguinte "gap" ou desfase de efectos contractivos sobre a actividade económica -e asi, a crise desemboca nunha recesión.

E no terceiro, enfin: depredación abusiva de recursos enerxéticos fóseis e minerais, destrago irreversíbel de ecosistemas indispensábeis pra a rexeneración e supervivencia da biosfera, contaminación ambiental de mares, sistemas hídricos, atmósfera, buraco na capa de ozono, cambio climático... A lóxica de asignación de recursos e cálculo de custes e rendibilidade na civilización capitalista industrial e postindustrial, a aberrante pauta dun crecemento económico constante e sen límites, insustentábel dentro dun recinto, o da biosfera, que é limitado e non medra -en suma, a irracional "racionalidade" do modo de produción dominante no actual sistema-mundo: catástrofe anunciada que se achega un pouco máis cada día que pasa, mentras os magnates da especulación e a depredación actuan como os pasaxeiros de primeira do Titanic que se precipitaban aos cofres onde gardaban as xoias mentras o buque se afundía.

voltar arriba

©  Encontro Irmandiño, 2011
Apartado de Correos 356  |  15010 A Coruña
aviso legal