X
nome * enderezo electrónico * enderezo postal concello teléfono * mensaxe *
adxunto
código de seguridade *
imaxe de seguridade
cambiar código
* campos obrigatorios
sábado, 29 de abril de 2017

pesquisar

subscrición

recibirá vía e-mail toda a información de interese
sitios de interese

Anova - Irmandade Nacionalista

14 de xullo de 2012

Web provisoria da ANOVA - Irmandade Nacionalista, constituída o pasado sábado 14 de xullo en Compostela e recollendo logo de 223 anos os ideais de liberdade, fraternidade e igualdade da Revolución Francesa.

ir ao sítio...

SLG

A toxicidade en persoas e fauna das fumigacións aéreas da Xunta

ir ao sítio...

Liga Estudantil Galega

Liga Estudantil Galega

ir ao sítio...

Terceira Carta às Esquerdas

Interesante artigo de Boaventura de Sousa Santos

ir ao sítio...

Mocidade Irmandinha

Grupo de Traballo de Mocidade do EI

ir ao sítio...
ver máis sitios de interese...
DO ENCONTRO Xosé Manuel Beiras

no Galicia Hoxe

Brañas e "a crise que non cesa" (III)

01/05/2011

 

... o que está en crise é o proprio sistema-mundo capitalista ao que se lle aplicou ese modelo ultra-liberal de xestión político-económica. Quer dicir que tampouco o modelo keynesián desterrado no seu día polos ultra-liberais resolvería hoxe o problema estrutural que padece o sistema, nen sequer lograría por sí só "reflotar" a economía do seu centro, como recoñecen neo-keynesiáns tan acreditados como o Nobel Paul Krugman, por caso -inanque paliaría, certamente, os efectos máis negativos da crise, e por suposto que non os agravaría como están a facelo as receitas ultraliberais que teimudamente están a aplicarse aínda arestora.

IV

Xa que logo, a natureza desta crise non é a que parece, non consiste nos síntomas nos que se manifesta, senón na doenza do corpo social que xenera eses síntomas -tais coma o estoupido da burbulla financeira ou da inmobiliaria, ou a proliferación do desemprego. Nen tampouco comezou a crise cando eclosionaron eses síntomas: pola contra, viña de ben atrás. Non comezou no 2008, cando "súpetamente" rebentaron os grandes xigantes financeiros no mercado bursátel de Wall Street -é dicir, cando infartou o corazón financeiro do imperio e colapsou o fluxo arterial todo do sistema. Nen sequer tampouco cando dos seus precedentes infartos abdominais, digámolo así: os estoupidos de burbullas financeiras en áreas máis periféricas, como a crise mexicana de comenzos dos noventa, recén estreada a flamante área de libre comercio dese país co Canadá e os USA, ou a dos "dragóns" asiáticos pouco despois. Non. A crise de "longa duración" comezou cando, aló polo 1971-73, se colapsou o proceso de expansión constantemente acelerada dos tres decenios precedentes, acadou o climax a progresiva exacerbación das "rivalidades inter-estatais" da economía da metrópole imperial ianqui coas das submetrópoles europeu-oucidental e xaponesa, e os mercados de euro-dólares e petro-dólares escalazaron o sistema monetario internacional (SMI) construído en Bretton Woods (1945) co dólar como patrón divisa-ouro, e Nixon decidiu unilateralmente suprimir (1972) a convertibilidade do dólar en ouro, porque as suas reservas metálicas non daban para atender as obrigas inerentes ao rol atribuído polo SMI a esa divisa como patrón convertíbel.

Estralou así unha crise "de sobre-acumulación" -ou sexa, de acumulación de capital excesiva a respeito das oportunidades de investimento e rendibilidade do capital adicional acumulado en novas actividades produtivas no sistema capitalista mundializado. E dende aquela ese sistema está en crise. Con fases diferentes e traxectoria ondulante en intermitentes alzas e baixas relativas -pero en crise constante até hoxe mesno. Arrighi diría que 1973 marca a "crise-sinal" deste proceso crítico do sistema e máis do declive da hexemonía ianqui dentro dil -e velaí a faciana pola que esta crise amostra máis paralelismo coa do tempo de Brañas, só que, naturalmente, noutro contexto histórico ben diferente e outra etapa do desenvolvemento capitalista ben máis avanzada.

V

Mais, antes de tracexarmos un esbozo desas analoxías, convén clarexar algunhas custións máis que levan suscitado certa confusión. Refírome a que tampouco se trata só da crise dun modelo de xestión da economía capitalista, ou dun modelo de "política económica": do modelo neo-liberal -que eu prefiro chamar ultra-liberal- entronizado polos think-tanks de Hayek, Milton Friedman e os seus famosos "Chicago-boys", inventores da "doutrina do shock" e demiurgos do "capitalismo do desastre", por empregarmos as certeiras denominacións carimbadas por Naomi Klein. Certamente que ese modelo non só entrou en crise, senón que fracasou rotundamente. É máis: ese modelo ven ser, en grande medida, o responsábel de que a crise encetada nos anos setenta, lonxe de ser resolta, desembocase no desastre que a humanidade leva tres decenios a padecer e que se agrava máis a cada pouco -desastre económico, social, cultural, político e ecolóxico. Mais o que está en crise é o proprio sistema-mundo capitalista ao que se lle aplicou ese modelo ultra-liberal de xestión político-económica. Quer dicir que tampouco o modelo keynesián desterrado no seu día polos ultra-liberais resolvería hoxe o problema estrutural que padece o sistema, nen sequer lograría por sí só "reflotar" a economía do seu centro, como recoñecen neo-keynesiáns tan acreditados como o Nobel Paul Krugman, por caso -inanque paliaría, certamente, os efectos máis negativos da crise, e por suposto que non os agravaría como están a facelo as receitas ultraliberais que teimudamente están a aplicarse aínda arestora.

VI

Na sua esclarecedora obra, Chaos and Governance in the Modern World System, asinada conxuntamente coa sua compañeira Beverly Silver, Giovanni Arrighi define o "cambio sistémico" nestes termos: "un proceso de radical reorganización do moderno sistema-mundo que muda substantivamente a natureza dos compoñentes do sistema, a maneira en que eses compoñentes se relacionan uns cos outros, e o xeito en que o sistema opera e se reproduce". Isto equival a dicir que mudan non só os elementos ou estruturas parciais, senón as proprias leis estruturais de composición e transformación do sistema como conxunto ou estrutura global.

Xa a comenzos dos noventa, Eric Hobsbawm, na sua A History of the World 1914-1991, calificara os decenios dos setenta e os oitenta como "décadas de crise universal ou global". Arrighi e Silver diagnostican o proceso crítico aberto durante ese período -e que vai proseguir até os nosos días- como "cambio sistémico", e establecen a sua relación cos procesos históricos de "transición hexemónica". Para detectaren e sistematizaren as analoxías entre os ciclos das sucesivas hexemonías na historia moderna do sistema-mundo, analisan unha tras outra a dos Países Baixos, cuxo declive no s.XVIII marca a transición cara a da Gran Bretaña, en declive á sua vez dende fins do s.XIX para ceder o relevo á dos USA: precisamente o comenzo do declive desta última hexemonía vai vir marcado polo inicio da actual "crise de cambio sistémico", a principos dos setenta. Xa que logo, a crise actual, ademáis de ser sistémica, e pola mesma atinxir a tódalas instancias estruturais do sistema-mundo -económica, ideolóxica e política- é asimesmo a crise da hexemonía da metrópole norteamericán no conglomerado mundial do imperialismo capitalista.

Seguindo os pasos do pioneiro Fernand Braudel, e en paralelo cos traballos doutro grande braudelián como é Inmanuel Wallerstein, Arrighi e Silver formulan o deseño dun modelo de ciclo hexemónico, no que as fases e as transicións están baseadas primordialmente na dinámica endóxena do cambio sistémico -a diferencia de Wallerstein, que en última instancia remíteas a fontes dinámicas esóxenas. Nese modelo -traducíndovolo en termos moi esquemáticos- o ciclo hexemónico consta de tres grandes fases. A primeira é a da hexemonía constituída, na que o estado hexemónico opera unha "reorganización sistémica", emulada por outros estados, e protagoniza un período de "expansión sistémica". A segunda é a fase da transición hexemónica, subdividida á sua vez en duas etapas. Primeiramente, a "crise hexemónica", caracterizada por tres fenómenos cardinais: a exacerbación das rivalidades inter-estatais e da competición inter-empresarial; a agudización dos conflitos sociais; e a emerxencia de "novas configuracións de poder". A seguida, esa crise tradúcese en "creba hexemónica": o esborrallamento da hexemonía orixina unha situación de "caos sistémico" que vai caracterizar ese período, no que se vai ir configurando unha nova e alternativa centralización-concentración de "capacidades sistémicas" da que vai emerxer un "novo estado hexemónico": eis o inicio da terceira fase, a da "nova hexemonía", na que ese novo centro hexemónico de poder vai operar unha nova reorganización sistémica, suscitar a emulación por outros e protagonizar o novo proceso de expansión sistémica -co que se reanuda o ciclo no novo período histórico..

voltar arriba

©  Encontro Irmandiño, 2011
Apartado de Correos 356  |  15010 A Coruña
aviso legal