X
nome * enderezo electrónico * enderezo postal concello teléfono * mensaxe *
adxunto
código de seguridade *
imaxe de seguridade
cambiar código
* campos obrigatorios
luns, 26 de xuño de 2017

pesquisar

subscrición

recibirá vía e-mail toda a información de interese
sitios de interese

Anova - Irmandade Nacionalista

14 de xullo de 2012

Web provisoria da ANOVA - Irmandade Nacionalista, constituída o pasado sábado 14 de xullo en Compostela e recollendo logo de 223 anos os ideais de liberdade, fraternidade e igualdade da Revolución Francesa.

ir ao sítio...

SLG

A toxicidade en persoas e fauna das fumigacións aéreas da Xunta

ir ao sítio...

Liga Estudantil Galega

Liga Estudantil Galega

ir ao sítio...

Terceira Carta às Esquerdas

Interesante artigo de Boaventura de Sousa Santos

ir ao sítio...

Mocidade Irmandinha

Grupo de Traballo de Mocidade do EI

ir ao sítio...
ver máis sitios de interese...
DO ENCONTRO Xosé Manuel Beiras

no Galicia Hoxe

O dereito dos povos a decidirmos

24/04/2011

 

O pacto constitucional está rompido por obra dos mesmos actores que foran os seus artífices hai un terzo de século, a soberanía "nacional" cedida á UE e o FMI, os inquilinos do aparello de estado manexados coma monecos de ventrílocuo polo poder imperial e os seus missi dominici, o poder xudicial a facer "mangas e capirotes" dos dereitos cidadáns á marxe de calquer control democrático, a xerarquía católica reinstalada no sectarismo inquisitorial da "cruzada", e o capital financeiro transnacional convirtido en bailleur de fonds dunha metamorfose do nazi-fascismo encarnado nunha ultradereita reacionária e xenófoba disfrazada de popular: a farsa tráxica está servida no "corral nublado" de Max Estrella.

Cada día que pasa, acontecen feitos e agroman fenómenos que inequívocamente sinalan que o actual rexime político español e a cidadanía que o padece camiñan en direición contraria e sentido histórico inverso un da outra. Mentres a vertixinosa involución político-institucional arestora en curso está a reducir a cinzas o deseño constitucional dun Estado social de dereito, unha economía social de mercado, e unhas autonomías políticas de primeiro rango para as irredentas "nacionalidades históricas", a cidadanía activa, é dicir, exercente como tal, está a reorganizar o seu artellamento nesas tres frontes cardinais de combate dentro da sociedade civil, no senso gramscián do conceito -a dos dereitos e liberdades fundamentais do cidadán, a do escalazado "welfare-state", e a da realidade plurinacional da pell de brau, en metáfora de Espríu. Medra a diverxencia antre esas duas dinámicas, e comezan a proliferar os síntomas de que pode desembocar, mesmo se cadra abruptamente, nun divorcio irreversíbel antre a "sociedade civil" e a "sociedade polìtica" no espazo peninsuar. Síntomas que o poder político non sabe ou non quer abesullar, coma quen, nun territorio volcánico, non presta atención á emerxencia de fumaceiras que anuncian unha erupción.

Por unha banda, no plano político-institucional, coido que non resulta esaxerado diagnosticar que o rexime político áchase en proceso de descomposición -unha etapa desta segunda Restauración borbónica en certo xeito análoga ou equivalente á da primeira hai cousa de cen anos. O pacto constitucional está rompido por obra dos mesmos actores que foran os seus artífices hai un terzo de século, a soberanía "nacional" cedida á UE e o FMI, os inquilinos do aparello de estado manexados coma monecos de ventrílocuo polo poder imperial e os seus missi dominici, o poder xudicial a facer "mangas e capirotes" dos dereitos cidadáns á marxe de calquer control democrático, a xerarquía católica reinstalada no sectarismo inquisitorial da "cruzada", e o capital financeiro transnacional convirtido en bailleur de fonds dunha metamorfose do nazi-fascismo encarnado nunha ultradereita reacionária e xenófoba disfrazada de popular: a farsa tráxica está servida no "corral nublado" de Max Estrella.

No entanto, por outra banda, a cidadanía activamente desalienada, a que non está disposta a que os cidadáns sexamos reconvirtidos en súbditos, reactiva ou reformula en redes a sua resistencia fronte a poderes económicos, políticos e mediáticos que sistemáticamente agreden nos seus dereitos e intereses ao común cidadán que constitue a maioría social, tanto máis desprotexida canto que a maioría dos trebellos e artefactos ideados e construídos no seu día para representárena e defendérena téñense ido tornando ineficientes ou obsoletos, cando non remataron por funcionaren à rebours. Nese proceso de rearme cidadán, unhas veces rexenéranse ou revitalízanse orgaizacións previamente existentes destragadas ou aletargadas, outras innóvase con fórmulas e métodos que se inspiran, transformándoos, nos forxados no decurso dos grandes movementos emancipadores dos dous pasados séculos -os combates polas liberdades cívicas, as loitas de clase, e os procesos de descolonización e autodeterminación dos povos asoballados. Pero, endemáis, vanse incorporando os enxendrados na esperiéncia dos movementos sociais antisistémicos, xurdidos primeiro e primordialmente na periferia do sistema-mundo fronte á "globalización" ultraliberal durante o último terzo de século, e nos que son chaves a prática da auto-orgaización e a democracia horizontal.

Boa parte deste proceso decorre soterradamente, coma o traballo da vella toupa, baixo a epiderme do corpo social, e nese traxecto a sua actividade non resulta ostensíbel. Eis por que, cando emergulla, adoita acontecer contra pronóstico e como por xeración espontánea -fenómeno consabidamente tan alleo á dinámica social coma á biolóxica. E decote fronte a unha creba ou unha falcatruada do Estado. Así aconteceu na Galiza cando do masivo movemento cidadán Nunca Máis fronte á catástrofe ecolóxica, inanque nada natural, ocasionada polo naufraxio do petroleiro "Prestige" e a necedade do "señor de los hilillos", don Mariano. E así tamén, en Catalunya, coa iniciativa cidadán de convocar consultas a nível municipal sobre a sua independéncia nacional, fronte á indignante bulra consumada polos poderes e institucións do Estado español no esperpéntico "affaire" do Estatut. Paralelamente -millor diría converxentemente- en Euskadi, a base social da esquerda "abertzale" redeseña a sua expresión política, nunha teimosa percura de novas fórmulas eficientes para o logro da paz cívica interna na que proseguir o seu proceso histórico de autodeterminación -mentres a única que non cede un chisco é a violencia institucional do "Estado penitencia", que diría Loïc Wacquant. Tres expresións distintas dun mesmo proceso de reorgaización da cidadanía activa perante un problema común, en tres espazos sociopolíticos diferentes tocantes á sua idiosincrasia ideolóxico-cultural, á sua estrutura social interna, á sua traxectória histórica e ás manifestacións específicas da sua relación conflitiva co Estado español -incluída a forma peculiar de incidéncia en cada caso do fraude da "reforma plolítica" no episodio da transición ao post-franquismo.

Iste é, na miña opinión, o contexto no que compre facermos a leitura da consulta sobre a independéncia de Catalunya celebrada en Barcelona o pasado 10 de abril, como etapa final dun proceso aberto pola iniciativa pioneira no pequeno concello de Arenys de Munt hai cousa de ano e meio, e en cuxas sucesivas convocatorias tiven a fortuna de ser testemuña como observador convidado -e das que vos levo dado conta nesta páxina do GH. A consulta de Barcelona constituía un repto moi singular: as especiais dificuldades que, para a metodoloxía destes referendums non institucionais, supuña abordalas nas cidades grandes, exacerbabanse no caso desa grande urbe hoxendía moi cosmopolita e multicultural, onde o peso relativo de povoación de moi diversa procedéncia e non, ou apenas, integrada no imaxinario catalán é moito meirande. Requería reduplicar os esforzos en orgaización, continxentes de voluntariado e metodoloxía de traballo, e durante un período preparatorio maior. Era, xa que logo, un repto que por unha banda implicaba un risco adicional moi superior ao das consultas precedentes, e por outra banda, en troques, o impacto e resonáncia do resultado serian moito meirandes dentro e fóra do país: un fracaso da consulta en Barcelona podía dar ao traste con boa parte dos efectos do éxito colleitado nas anteriores.

Durante a miña xornada como observador, os meus amigos do CIEMEN confesaban que acadaren unha participación do 15% sería moi satisfatório. Ora, como xa é sabido, a participación superou o 21% -cun 91% "si", un 7% "non", e o resto votos en branco. Reparade neste contraste: poucas semanas antes, a alcaldía de Barcelona convocara institucionalmente un referendum, con grande aparato propagandístico, sobre un controvertido proxecto de reforma no eixo urbán da cidade -e a participación apenas acadara o 12%. E por certo, relembrades cál fora a cota de participación no referendum galego do Estatuto de autonomía do 21-12-1980?; pois consultade os xornais do día seguinte -e veredes. Coido que o devandito contraste resulta elocuente verbo da diagnose exposta por min máis arriba: o decurso diverxente da credibilidade das actuais institucións políticas e a conciencia activa do común en trance de recuperar a iniciativa cívica, social -e política tamén, no senso máis xenuino do conceito. Ou sexa: da cidadanía activa que entende a "sociedade civil" como o escenário das dinámicas de contradición e confrontación social e ideolóxica determinantes da hexemonía que se proxecta sobre a "sociedade polìtica".

Ao remate da xornada, algúns xornalistas perguntabanme cál coidaba eu que ía ser a reacción dos poderes estatais. Díxenlles que a de sempre, pro que me importaba pouco. O importante era a dinámica endóxena do, neste caso, povo catalán e o salto que supuña a esperiéncia das "consultas" no seu proceso cívico-político de autodeterminación -e non tanto polos resultados cuantitativos canto polo cambio cualitativo de panorama que abría para a continuación dese proceso. Os poderes do estado xa se verían obrigados a "quereren" dialogar, cando o proceso acadase o seu ponto de masa crítica. Se aínda daquela estaban a tempo, claro. Porque se cadra xa non estarían en condicións de impediren a "ruptura", de amañaren outra "transición" -de repetiren o fraude polìtico consumado hai un terzo de século no corral nublado hispano. Nen nesta dimensión problematica das cuestións nacionais aínda pendentes, nen no da opresión e esplotación das xentes traballadoras, nen tampouco no da definitiva emancipación cidadá frustrada no post-franquismo. En suma, nas tres dimensións dialéticas axiais para a instauración da independéncia e a liberdade republicás no senso riguroso do conceito -coa indispensábel e correlativa exclusión de calquer "restauración" institucional arqueolóxica, madia leva. Ésa é a miña espranza -a nosa espranza, quero dicir: a d@s cidadáns do común democráticamente exercentes, sexamos galeg@s, cataláns, euskaldúns ou españois de nación..

voltar arriba

©  Encontro Irmandiño, 2011
Apartado de Correos 356  |  15010 A Coruña
aviso legal