X
nome * enderezo electrónico * enderezo postal concello teléfono * mensaxe *
adxunto
código de seguridade *
imaxe de seguridade
cambiar código
* campos obrigatorios
xoves, 14 de decembro de 2017

pesquisar

subscrición

recibirá vía e-mail toda a información de interese
sitios de interese

Anova - Irmandade Nacionalista

14 de xullo de 2012

Web provisoria da ANOVA - Irmandade Nacionalista, constituída o pasado sábado 14 de xullo en Compostela e recollendo logo de 223 anos os ideais de liberdade, fraternidade e igualdade da Revolución Francesa.

ir ao sítio...

SLG

A toxicidade en persoas e fauna das fumigacións aéreas da Xunta

ir ao sítio...

Liga Estudantil Galega

Liga Estudantil Galega

ir ao sítio...

Terceira Carta às Esquerdas

Interesante artigo de Boaventura de Sousa Santos

ir ao sítio...

Mocidade Irmandinha

Grupo de Traballo de Mocidade do EI

ir ao sítio...
ver máis sitios de interese...
DO ENCONTRO Xosé Manuel Beiras

no Galicia Hoxe

Brañas e "a crise que non cesa" (I)

10/04/2011

 

A leición de Brañas versaba sobre a crise económica da sua época, e o relembrármolo ocasionou que a nosa conversa virase cara a crise financeira que arestora estaba a estoupar no corazón do imperio. Néstas, ao Afonso ocurríuselle suxerir a oportunidade de editar agora ese discurso traducido ao galego. Dito e feito -o Afonso évos un home resolutivo: púxose á obra decontado. Mais, non dispóndomos do volume que eu posuira, compríalle percurar outro exemplar asequíbel para traballar nil -e non semellaba doado, dada a rareza de aquela publicación. Resolveulle o problema a impar "Biblioteca Penzol": alí estaba a obra, e permitíronlla fotocopiar. Púxose a traducila il mesmo -e velaeiqui está. Hai aínda poucas semanas que saíu do prelo, editada en versión galega por Toxos Outos e Unipro-editorial, a leición que pronunciara Alfredo Brañas na Universidade de Santiago en 1892: "A crise económica na época presente e a descentralización rexional". Un dos editores, Afonso Ribas, propuxérame facer un limiar para esta reaparición dese moi esquencido ensaio de Brañas que, malia ser publicado daquela, nunca volvera ser imprentado até agora. Aparecida esta nova edición, algún amigo enredante suxeríume partir o meu limiar en anacos pra publicalo, "por entregas", nesta páxina dominical do GH. Deixeime convencer, e velaí vos van a partir de hoxe, coas oportunas licencias dos editores e máis do paciente Tano. Disque haberá un agasallo para quen de vós dea chegado ao final da série sen indixestión de pedra -limiar, claro. A silicose seica está descartada -mais eu, que vós, non fiaría: o esnaquizado feito con rebarbadora levanta moito póo.

I

Esta publicación debémoslla ao amor á Terra e á xenerosa iniciativa emprendedora de Afonso Ribas, un dos corazóns protagonistas e cerebros artífices de duas fermosas aventuras editoriais na Galiza contemporán, a infelizmente efémera da pioneira revista "Teima" -cando a longa noite de pedra semellaba rebentar de vez en alba de groria- e a felizmente duradoira da fecunda editorial "Laiovento". Duas andainas nas que eu tiven a fortuna de ser un seu compañeiro de combate cultural, como o fora de combate político cando eramos "pexegos" os dous, inda non escachizada a pedra de aquela noite interminábel. Forxouse así entre nós unha amizade fraternal que perdura, e un recíproco entendemento baseado na comunidade de idearios e arelas que partillamos activamente verbo da emancipación do noso povo, e que abrolla decote nas nosas conversas e ás veces coalla en proxecto por obra da sua entusiasta iniciativa. Tal é o caso desta primeira edición en idioma galego dunha das pezas ensaísticas menos coñecidas de Alfredo Brañas.

Haberá cousa de dous anos que, nun serán de palique con Afonso arredor duns faiscantes viños da raia galego-portuguesa -dises que il tan ben coñece e tanto estima- a singladura da nosa conversa recalou na abra Brañas. Coido que fora il quen relembrara a referencia que eu fixera hai anos, nun meu xa vello texto, a un insólito programa político que Brañas enunciara en certa ocasión -insólito porque, considerado na sua textualidade, resultaba enchoupado dun soberanismo galego precoz para o seu tempo e disonante do canon rexionalista característico da sua obra máis difundida e do pensamento considerado xenuinamente peculiar seu. Rememoramos xuntos que non menos insólita resultaba ser a ocasión escollida por Brañas para publicitar ese programa, poisque o fixera a xeito de colofón do discurso que pronunciara como leición inaugural do curso 1892-93 da Universidade compostelán, na que, como é sabido, profesaba a cátedra de Economía Política -e, dadas as convencións inda hoxe imperantes, non parece ser un acto académico solemne desa caste o máis acaído para proclamar "urbi et orbe" unha posición ideolóxica persoal e guindarlle ao público un programa político, por riba tan heterodoxos unha e outro naquel contexto e en boca dunha figura tan conservadora e respeitosa das liturxias sociais estabrecidas como disque era o Brañas.

Rexoubamos e rímonos un cacho imaxinándomos a escena, e fixémonos de voz alta interrogacións e conxeturas varias verbo da enigmática e contraditoria persoalidade do Brañas patriota galego e tradicionalista, católico e antiforista, aristócrata de esprito e exaltador dos labregos, ademirador da Irlanda independentista e simples rexionalista pro domo sua -ou se cadra cripto-nacionalista como eu aventurara... Volvinlle contar -pois seguramente non era a primeira vez que o facía- a peripecia do exemplar que eu posuira dese discurso. Un vello volume que eu recordaba de sempre na biblioteca do meu pai, encadernado en pastas duras, impreso na de Paredes -a compostelán Imprenta Paredes, hoxe desaparecida, tan presente na miña memoria infantil e adolescente porque un fillo do impresor estudaba piano coa mesma mestra ca min. Ese volume fora un agasallo das irmás de Brañas, que tiñan unha escola na que o meu pai estudara cando neno, igual que un exemplar de El Regionalismo coa sinatura do autor. Fora meu pai quen me iniciara no coñecemento da figura e a obra de Brañas, e transmitírame moitos dados e anécdotas encol da sua persoalidade e a sua vida que lle contaran as irmás, coas que il mantivera unha agarimosa relación mentras viviron -e que co tempo fun esquecendo, mais seguro que ficaron encovadas no limbo da miña memoria. E regalárame eses dous volumes cando eu gañara a miña cátedra -mais ao cabo ían desaparecer da miña biblioteca nun trance crítico da miña vida que non ven a conto relembrar.

A leición de Brañas versaba sobre a crise económica da sua época, e o relembrármolo ocasionou que a nosa conversa virase cara a crise financeira que arestora estaba a estoupar no corazón do imperio. Néstas, ao Afonso ocurríuselle suxerir a oportunidade de editar agora ese discurso traducido ao galego. Dito e feito -o Afonso évos un home resolutivo: púxose á obra decontado. Mais, non dispóndomos do volume que eu posuira, compríalle percurar outro exemplar asequíbel para traballar nil -e non semellaba doado, dada a rareza de aquela publicación. Resolveulle o problema a impar "Biblioteca Penzol": alí estaba a obra, e permitíronlla fotocopiar. Púxose a traducila il mesmo -e velaeiqui está.

Como se fose un aceno de complicidade dos nosos devanceiros máis egrexios, o exemplar da "Penzol" que teño, fotocopiado, perante os meus ollos leva estampadas na portada interior, con inconfundíbel escritura autógrafa, esta lenda: "R. Otero Pedrayo/ Sant Iago de Compostela/ 31 xaneiro 1957". Asi que era iste o exemplar de Don Ramón... E, cousa para min rechamante, non o dera adequirido -seguro que non o dera achado- até nada menos que xaneiro do ano 1957, ou sexa, durante o penúltimo curso da sua serodia profesión docente como catedrático de Xeografía na Universidade compostelán -xubilaríano no 1958, ao cumplir os setenta anos e, como é ben sabido, por mor da represión que padecera por parte do fascista rexime franquista, o criador da primeira e inda hoxe paradigmática "teoría xeral" da xeografía galega non puidera acceder á cátedra dese eido científico na universidade da sua nación até o curso 1952-53, cumplidos xa os sesenta e catro anos de idade.

No reverso en branco desa mesma folla, Don Ramón -que era abondo máis metódico do que dan a entender os estereotipos da sua persoalidade humán máis comunmente difundidos- compuxo tamén do seu puño e letra un índice dos capítulos do libro, coa correlativa paxinación. E na cabeceira da páxina na que comenza a "Introducción" do discurso de Brañas, topámonos con outra solpresa para quen suscreben a tópica imaxe dun Otero ideolóxicamente conservadurista e transnoitado, poisque aí estampa il a sentencia de Concepción Arenal que transcribo literalmente para vós a seguida: "Se mencionan y discuten diferentes crisis q/ tienen mas ó menos influencia en el bienestar del obrero... pero no se habla de Crisis intelectual q/ existe y es factor poderoso de los problemas sociales. (C.Arenal - La instrucn. del obrero.) -inf. 1892-". Finísimo e elegante xeito tácito de se distanciar ideolóxicamente con ironía da cosmovisión de Brañas, ou, pola contra, apoiatura a algunhas das matinacións contidas nese primeiro treito da obra? A vós, leitores, corresponde xulgáredes co voso proprio criterio.

voltar arriba

©  Encontro Irmandiño, 2011
Apartado de Correos 356  |  15010 A Coruña
aviso legal