X
nome * enderezo electrónico * enderezo postal concello teléfono * mensaxe *
adxunto
código de seguridade *
imaxe de seguridade
cambiar código
* campos obrigatorios
sábado, 21 de outubro de 2017

pesquisar

subscrición

recibirá vía e-mail toda a información de interese
sitios de interese

Anova - Irmandade Nacionalista

14 de xullo de 2012

Web provisoria da ANOVA - Irmandade Nacionalista, constituída o pasado sábado 14 de xullo en Compostela e recollendo logo de 223 anos os ideais de liberdade, fraternidade e igualdade da Revolución Francesa.

ir ao sítio...

SLG

A toxicidade en persoas e fauna das fumigacións aéreas da Xunta

ir ao sítio...

Liga Estudantil Galega

Liga Estudantil Galega

ir ao sítio...

Terceira Carta às Esquerdas

Interesante artigo de Boaventura de Sousa Santos

ir ao sítio...

Mocidade Irmandinha

Grupo de Traballo de Mocidade do EI

ir ao sítio...
ver máis sitios de interese...
DO ENCONTRO Paula Vázquez Verao

As rúas son nosas, o voto é noso e o BNG é de todo o pobo galego

O 15-O nas rúas e o 20-N nas urnas

15-O pola soberanía nacional: soberanía política, alimentaria, social, cultural, económica, enerxética e mercantil.

11/10/2011

 

Xurdiu nos encontros abertos que dende o EI estamos a celebrar por Galiza adiante para a “necesaria refundación do BNG” a cuestión do apoio decrecente da mocidade á fronte nacionalista. Así, preguntámonos polas causas do apoio ao BNG por parte da mocidade na segunda metade dos anos noventa, cando un 60% de primeiros votantes votaba Bloque. Era cuestión de liderádego? Poida que en parte, pero non só. Creo eu que tiña que ver tamén con que o proxecto nacionalista dos 80s e 90s ofrecía poder aportar a visión e experiencia persoal ao colectivo. Esa posibilidade de participar, de ser parte activa e non mera espectadora – papel este que o sistema reserva á maioría social, convertíndonos en mercadoría e non en suxeitos políticos plenos –, parece, precisamente, ser un factor importante na participación da mocidade nas mobilizacións deste ano 2011 (“non somos mercadoría en mans de políticos e banqueiros”).

No BNG, aqueles eran os tempos do Proxecto Común. As distintas voces e problemáticas – territoriais e sectoriais – tecíanse ata enxergar un proxecto colectivo liberador, nos aspectos social e nacional. O aglutinante non só era un liderádego excepcional – en máis dun sentido, pois excepcional érao tamén por canto nunca foi Beiras máis que un entre iguais e nunca deixou de conxugar a primeira persoa do plural –, senón, por unha parte, a práctica dunhas relacións fraternas no seo do nacionalismo e, por outra, un proxecto político elaborado tras análises series do país e tras a confluencia de moitas loitas colectivas e individuais por todos os recantos da Galiza: había un proxecto sólido de cambio para a nosa nación, plasmado nos programas de goberno do BNG de 1997 e 2001. Certo, os tempos pasados non foron idílicos, non se trata de nostalxia acrítica ou sentimentalismo barato, non estivo exenta de tensións a historia recente do nacionalismo, pero a tónica xeral era a unidade na diversidade en torno a un Proxecto Común, un proxecto non “para un segmento da sociedade, senón para o conxunto do común cidadán, constituído en pobo soberano… non pode ser asunto dun partido” [Xosé Manuel Beiras], e iso conseguíase coa práctica política da fraternidade.

Hoxe, como ten analizado o Encontro Irmandiño, son moitas as persoas excluídas do BNG por “expulsión, sectarismo ou cansazo de aturar unhas relacións internas insoportábeis”. E esa é unha das claves de que o BNG deixase de ser a referencia para os sectores máis activos da sociedade civil, o feito de que se comezase a imitar dentro o que teoricamente se cuestiona fóra, é dicir, a lóxica do sistema económico, social e político que dicimos combatir: márketing electoral en vez de traballo social, consignas por razoamentos, congresos por asembleas, democracia directa e horizontalidade por confrontación, relacións de poder por relacións fraternas. A fraternidade, novamente.

É un grande erro histórico, ao ver do Encontro Irmandiño, terse afastado dese modelo frontista plural, asembleario, que permite e alenta a creatividade no combate social e político, que se adiantou vinte anos ás formulacións que dende finais dos 90 triunfan na América do Sul. Velaí que, hoxe, cando estoura nos pobos ibéricos, dende o movemento Á Rasca ao 15 M, a rebeldía cívica contra a lóxica capitalista, o BNG xa non é, en xeral, referente de cambio; o común da mocidade revoltada, moita dela por primeira vez, mesmo a que se sinte nacionalista, xa non percibe, salvo excepcións, ao BNG coma compañeiro na loita, senón que este aparece metido no mesmo saco que as demais forzas políticas, en parte por ese cambio na dinámica interna e social, en parte por liñas políticas seguidas durante o Bipartito que traizoaron a base social máis dinámica do nacionalismo – e isto, sen cuestionar que o Bipartito fose o mellor goberno que tivo nunca a nosa nación –.

No Encontro cremos na necesidade de ter unha forza política que traslade as demandas da esquerda social á instancia política, que aglutine as aspiracións da xente do común, que o faga con imaxinación e saíndose dos marcos que nos pon o sistema. Por iso, cremos na necesidade imperiosa da rexeneración do BNG – que xa non sería este BNG, nin sequera o dos 80s e 90s, senón algo novo sentado sobre aquelas bases – e por iso estamos a dar pasos no diálogo con xentes e movementos sociais, e de aí os encontros abertos deste ano ou a Rolda de Rebeldía celebrada en 2010.

E, con todo, cremos que o BNG segue a ser útil para este país. O Encontro Irmandiño apostamos polo BNG como “instrumento fundamental para o pobo galego que é preciso recuperar” porque segue a estar conformado por un gran caudal de xente que traballa desinteresadamente por un futuro mellor, segue a haber valentes que loitan a peito descuberto en recantos esquecidos da nosa xeografía. Por iso, con todo, votaremos BNG nas Xerais, apoiaremos ás candidaturas do BNG por ser as que ao noso xuizo representan os intereses das maiorías sociais de Galiza, - con respecto ás persoas que elixan outra opción – pero iso non nos impide ver que a cita electoral non é o máis importante que temos entre as mans nesta altura. O fundamental é reconstruír un proceso de converxencia da esquerda social e política galega. Vaille a vida niso ao pobo galego como tal. Por iso, este 15 de outubro imos estar coa xente que decida secundar a convocatoria global de mobilización contra o sistema e, por iso, malia que eu vaia votar ao Bloque e facer campaña por el, considero un erro de bulto facer coincidir con esta data a convención electoral nacional do BNG. Porque, poida que o movemento (ou movementos) xurdidos no Estado Español despois das mobilizacións portuguesas e da “primavera árabe” teña incoherencias (que incoherencias non ten o BNG, neste momento!), que se esté aínda redefinindo, pero as vantaxes para a maioría social superan ampliamente as eivas: difusión de ideas emancipadoras antes reservadas a círculos moi restrinxidos – Renda Básica de Cidadanía, soberanía alimentaria, banca ética… -, identificación clara de que o que falla é o sistema (“con este sistema imos de cu”), quedando espido o mantra que identifica democracia con capitalismo (“chámano democracia e non o é”), mecánica asemblearia, desenmascaramento dos medios de dominio do sistema - moita xente topou por primeira vez co que significan os medios de manipulación de masas e as forzas represivas –, mobilización de xente moza ata agora non implicada no activismo ou irrupción meteórica no panorama político do segmento social de mocidade de entre os 18-30 anos, esdudante e/ou con estudos universitarios e sen traballo, forza social con gran potencial transformador.

Cando o vello aínda non morre e o novo non acaba de nacer, dende unha conciencia crítica convén, sempre, aproveitar o bo do vello e asomarse ao bo do novo, establecer “vasos comunicantes”, como di o irmán Martiño Noriega, pero nunca adoptar posicións refractarias ou deixarse levar polos prexuizos – comprensíbeis, eu tamén os sufrín – que poidamos ter ante a falta de conciencia dos problemas de Galiza entre parte deste movemento. Canto maís que, se hai descoñecemento da “cuestión nacional” entre a xente moza mobilizada ao calor do 15M, non é responsabilidade dela toda, senón, mais ben, do nacionalismo organizado que leva anos renunciando á didáctica, ao traballo social sen dirixismos, ao achegamento de posturas, á integración das loitas emancipadoras e, como non, á análise seria das transformacións vividas no mundo na última década e a súa repercusión no noso país e na nosa loita. E iso que, xenerosamente, entre a mocidade mobilizada nas prazas e rúas hai, en xeral, moitas ganas de aprender dos vellos combates e unha grande imaxinación, cousa que lle/nos falta – con excepcións, novamente – ao nacionalismo organizado. E sen imaxinación non haberá revolución. Debemos, pois, xuntar as loitas vellas, aínda vixentes, e cada día con máis sentido nesta Galiza re-colonizada, coas novas loitas e aspiracións e coas novas formas de mobilización.

O estado, á vez, de urxencia e emerxencia social destes momentos precisa un referente político ou, do contrario, e ogallá nos trabuquemos, agárdanos a frustración social e as tebras – aínda máis - dos fascismos. Se o nacionalismo galego quere ser ese referente, ou se nutre – sen dirixismos – deste caudal social novo revoltado e recupera aos sectores sociais que del se afastaron durante os últimos anos, ou haberá que encetar un proceso ex novo de recomposición da esquerda nacional galega, cousa que leva tempo nesta Galiza que non ten espera. Como somos optimistas da vontade, verémonos o 15 de outubro nas rúas, o 20 de novembro nas urnas e en xaneiro na Asemblea Nacional do BNG. E non por saír a manifestármonos coa xente que o fará este sábado en todo o planeta imos ser "desleais" e non por ir votar somos cómplides da falsidemocracia porque imos votar BNG. Agardamos por ti nesas tres citas, sexas ou non do BNG, pois as persoas que aspiramos a unha Galiza para a maioría da xente e non para os ladróns estamos chamadas a esta asemblea – derradeira oportunidade - de refundación. As rúas son nosas, o voto é noso, o BNG é de todo o pobo galego

“Refundar o BNG para unha Galiza soberana e socialista.” Texto do Encontro Irmandiño para a refundación do BNG.

voltar arriba

©  Encontro Irmandiño, 2011
Apartado de Correos 356  |  15010 A Coruña
aviso legal